martes. 07.12.2021 |
El tiempo
martes. 07.12.2021
El tiempo

Crema de cacahuete

A MIÑA MULLER fálame do Metaverso no almorzo. Eu penso en Carl Sagan, en universos que van máis aló dos centos que coñecemos

Explícame que Facebook vai lanzar Metaverso, unha rede social na que decides quen queres ser. Podes mentir. Platón defendía que hai un universo ideal no que todo é perfecto e que o universo que habitamos é unha copia defectuosa. Ana unta crema de cacahuete na rebanda de pan. Viviu un ano en Texas. Quedoulle ese mal gusto. Non soporto o cheiro doce desa pasta marrón. No Metaverso podes presentar unha versión evolucionada de ti mesmo. Eu erguérame ás 7 da mañá, pero tres horas despois seguía en bata. Estaba comendo tortilla e bebendo un café negro. Non podo imaxinar un Jaureguizar mellorado nun almorzo así.

Lois Pérez convócame para tomar un café no Celta. Vístome correndo porque no Celta gústame sentarme na mesa interior xunto ao escaparate. Estás a salvo do sol falso de outubro, que dá pouca calor para a luz que proxecta. Cando chego a mesa está libre, pero Lois chámame e unha señora loira que non existía xurde ás miñas costas e okupa a mesa. Estou seguro de que a muller procede dun universo paralelo porque eu nunca a vira en Lugo. Coñezo de vista todas as señoras loiras das cafeterías porque sentan nos sitios máis abrigados dos cafés.

Lois está preocupado e un pouco triste. Empezamos a falar de músicos norteamericanos de blues e de filósofos coreanos que me parecen pop porque eu leo a pensadores graves coma Platón. Entramos nunha dimensión onde Lois desprega o sentido do humor cheo de anécdotas. Lois empeza a rir dese xeito tan franco, botando a cabeza para atrás e abrindo o sorriso fresco. Penso que tampouco quero cambiar de amigos. No Metaverso eliminaría os cacahuetes.

Crema de cacahuete
Comentarios