Opinión

As costuras invisibles

A PRINCIPIOS da semana fun quitar un vulto nun costado da cabeza. Os puntos deumos Lamela, que é un enfermeiro pousado e socarrón. Pedinlle que me deixase os fíos da costura longos para que a xente vise a ferida pola rúa e me preguntase. A atención hai que mendigala. É triste. Falaba cos amigos e coñecidos na rúa da Raíña xirando a cabeza para que notasen o costurón. Todos miraban estranados a postura forzada, pero ningún dixo nada. Anxo Lamela decatouse. Como é actor, preguntoume se era maquillaxe para rodar unha curtametraxe.

Nunca vou ao médico. Primeiro, porque me parece de mala educación falar de malestares a unha persoa descoñecida; segundo, porque non teño ningún problema de saúde ata que chego ao centro de saúde de Fingoi. Atraveso a porta, leo os carteis que explican os síntomas e empezo a sentir varias enfermidades ao tempo, mesmo tropicais. Sufro unha hipocondría ocasional que me asalta cando entro nos ambulatorios.

Desta volta fun someterme a revisión anual. A doutora Yeguas dixera que me ía facer unha serie de probas. Pediume permiso para outras varias. "É gratis? Pois pídame todas as que sexan gratis", resolvín. Ao saír fun tomar un café no bar Giraldilla. A tapa eran patacas fritidas ao chorro de aliloli. Sobraba o aliloli, pero supuxen que non me mataría. Xa se ocuparán os analistas do Sergas de atoparme doenzas que nin sabía que tiña nin necesitaba saber. Se eu fose o meu médico de cabeceira receitaríame non achegarme a un centro de saúde no que me queda de vida. Coma os ludópatas coas salas de xogos. Eu tiven a tensión perfectamente equilibrada ata os 40 anos, cando un médico ma mirou. Os ambulatorios son a primeira causa de enfemidade. A segunda é o Servizo de Enfermidades Tropicais do Hula.

Comentarios