Opinión

Coser na néboa

SAÍN DE VIAXE. Tiña que atravesar o Inferno: montañas, ríos e páramos a máis de 30 grados. Carecemos de evidencias científicas de que a vida humana dea sinais a esas temperaturas.

A xente chama bo tempo a atoparse no borde dun volcán e lanzarse dentro. Tampouco son un inconsciente. A miña aventura era atravesar a fronte cantábrica. Non se me pasa pola cabeza desviarme un milímetro cara ao sur cando xullo nos castiga.


O traxecto comezou ás oito da mañanciña. Roguei ao Fiouco que descendese sobre a metade norte da provincia. Atendeu a pregaria. Dende a saída en Lugo atopamos unha néboa tan densa que estiven a punto de intentar resolver dunha vez por todas os crimes londinenses de Jack O Destripador. A miña muller metía os ollos contra o parabrisas e agarraba con tanta forza o volante que, como bo copiloto, quedei durmido. Soñei con que era Sherlock Holmes saíndo comprar tabaco de pipa. 


Cando espertei o dinosaurio gris marchara, a néboa borrárase e quentaba o sol coma se estivese enfadadísimo coa vida. Paramos xantar en Durango, no corazón terco de Bizkaia. A miña avoa materna tivo escola e terceiro fillo nesa vila. Aurora brillaba cuns preciosos ollos verdes e unha elegancia afrancesada que se comentaba ao longo da praia de La Concha. A nai cosíalle roupa. Facía tempo esperando polo home. El era corrector de textos en La Voz de San Sebastián. Volvía á casa co amencer. Bebía unha cunca de leite fervido e unhas castañas antes de deitarse. Deron estudos de mestra á filla. Con 19 anos Aurora militaba no PNV e na lectura feroz: os rusos, os franceses. Rematada a guerra que gañaron a espada e a cruz foi desterrada á serra de Andalucía. Debía aprender as primeiras letras aos nenos máis míseros. Polas noites cosíalles pantalons e saias.

Comentarios