Opinión

Coroa de flores

TEÑO querencia monárquica. "Soy carlista por estética", confirmaba Valle Inclán. A miña vocación é ler o ABC ata media mañá arroupado por un xogo de cama coas miñas iniciais. Citarei a Cicerón: "Convén que haxa na República algo superior e rexio, e que haxa outras cousas reservadas ao arbitrio e capricho do xentío". O rei debería ser elixido entre baróns, condes e marqueses: o pobo non pinta nada aí. Eu faría campaña por Xerardo Pardo de Vera, o blasonado de Becerreá no que Valle Inclán era cuspidiño. Pero non hai eleccións a xefe de Estado desde 1936. A nosa democracia está encabezada por un señor de barba cunha lexitimidade orixinada nunha lenda infantil acolchada no nacemento en palacio.

Confiaba en que Felipe VI nos libraría dos tahúres urdangaríns, mesmo que remontaría voo despois de que Juan Carlos I se precipitase polo barranco da avaricia. Este rei non comprendeu a pedra fundacional da monarquía. Debería imitar a sagacidade dos monarcas británicos. Eles acertaron cambiando o apelido alemán Mountbatten por Windsor e souberon manter boas relacións coas colonias a base da conduta imitativa. Mesmo vestindo coroas de flores nas cerimonias tribais. Britania nunca deixou de ser un imperio para os exsúbditos, España quedou en taberna de soldados de fortuna para os americanos.

Se os cataláns se queren independizar, maxestade, vaia falarlles, non amose un puño pendenciero; se os colombianos substitúen a súa monarquía por outro símbolo como a espada de Bolívar, érgase. Vaille na paguiña dos oito millóns. Ser rei é unha contrata pública que se cubre con prodixio e prudencia. Se prefire a política, hai eleccións a presidente. Eu quería ser monárquico, pero vostede non entusiasma nin na dinastía de folla grapada do ABC.

Comentarios