Opinión

O condutor sen intermitentes

SON INCAPAZ de conducirme cos cartos e de manexar coches. Son ciencias que me desconcertan. Aprendín o venres a usar Bizzum para mandar cartos no móbil por un ultimátum familiar. Agora boto o día organizando remesas de euros para envialas con excusas singulares.

Pero os coches, os coches,...; non podo cos coches. Ao conducir tes que coordinar a panca de cambios, o acelerador e o volante. Cando camiño e falo por teléfono debo parar onde quera que estea. E son dúas únicas accións. O coche requíreme tres. Tampouco me gusta falar por teléfono. Necesito ver a camisa que leva o meu interlocutor e ulir se almorza Cola Cao ou café, mentres que me explica os resultados dunhas probas médicas cun vocabulario que tampouco comprendo. Así que asinto coma eses cans de imitación que cabeceaban nas ventás traseiras dos automóbiles.

A muller convenceuse de que son torpe, tamén coma condutor. Nunca quito o coche do garaxe; pero, sen embargo, son o encargado de superar a ITV. A noite anterior soñara que era Anxo Quintana. Comprara neveira para o Audi oficial por 15 euros no Eroski das Termas e que o PP denunciaba que me saíra por 6.000.

A ITV obrigoume a conducir onte ata o Ceao, a esa nave cerca da ponte que leva ás Gándaras, o noso Sillicon Valley. O exame mecánico anual sérveme para comprobar a saúde. Unha vez entro no túnel da inspección séntome espido na máis deserta soidade. Hai homes de azul que me dan ordes. Forzo as pernas para frear e acelerar; amplío a orella para oír e someto a tensión os meus reflexos para activar os intermitentes. "Poña as luces longas!" Activo as luces longas. "Esas luces longas son as do limparabrisas traseiro! Poña as luces que ten á esquerda!" Bueno, o meu corpo e o meu coche seguen ben.

Comentarios