Opinión

Os concelleiros fan sombra

ESCAMPOU. Asomou o sol. Abrín a ventá ancha da cociña para ir pousando migas brancas na repista. Retireime para non espantar aos paxaros. Cando miran para o pan ven de esguello a miña sombra e asustan. Gústame miralos petiscando na ventá.

Todas as mañás cruzo o soportal da casa consistorial de Lugo. Procuro pasar cedo, cando os xardíns do cantón están tranquilos e unicamente soa o eco dos camareiros do Centro que serven café con leite e croissant á grella. Os paxaros cantan confiados baixo o artesonado do balcón municipal.

Comezada a mañá os concelleiros porque saen fumar ou especular no soportal. Son bravos nos plenos: desenvainan reproches e logros. Vólvense mansos cando intrigan. A política é unha arte que se pinta con colores discretas. Pero os edís teñen unhas sombras que ameazan os paxaros. Como llelo explicaría? É como crear un grupo de Facebook para apoiar que un antigo edil se presente como candidato á alcaldía. Os pardais marchan ao quiosco da música.

Se falo algún día con Lara Méndez pedireille que clausure a entrada principal do Pazo das Cortiñas e abra outra por detrás, por onde dá á libraría Lectocosmos. Os políticos que afían as súas dagas baixo as nubes de abril non incomodarían aos paxaros. Os pardais e os concelleiros fan voos curtos porque é o que lles sinala a intuición. Son desprazamentos nos que evitan arriscarse a que un vento os empuxe demasiado lonxe da casa consistorial.

As aves son superiores aos edís. As maiores de contar cos nosos órganos, dispoñen de ás que lles permiten voar imitando aos drons. A vantaxe dos concelleiros sobre os paxaros é a memoria. Unha semana política equivale a un ano natural. As aves nunca dubidan porque esquecen os erros. Todos despegan desde os soportais.

Comentarios