Opinión

Como visitar o claustro das dominicas

O CONVENTO DAS dominicas en Lugo é amplo e soberbio, coma un galeón do século XVI que tivese quedado varado na praza de Santo Domingo. Os días de sol rico, coma este sábado, estou tentado a pedir permiso para entrar. Unha vez chamei ao torno. Asomou a voz trigueña dunha monxa para enviarme docemente fritir espárragos de Tudela.

O meu afán é ver o claustro. Daría o páncreas por sentar nun banco, diante do xardín anestesiado de tráfico e ler a Virxilio. Ben advirte o poeta de que "aos deuses gústalles que lles digan que non". O noso modelo vital deben ser os deuses. Penso en avisar ás monxas de que Deus morreu, de que Darwin deixouno coma un concelleiro sen funcións con A orixe das especies, de que a clausura perdeu razón de ser. Pero as monxas saben que Darwin evitou facer un prólogo para O capital; non por Marx, senón polo seu xenro Aveling, que era ateo perdido.

Temo que nunca poderei deleitarme co asubiar pastoril dos merlos nese claustro. Informáronme o outro día que o convento non será de dominio público mentres haxa monxas. O monumento manterase no uso exclusivo das clausuradas ‘per secula seculorum’ porque hai un fluxo escaso, pero constante, de vocacións.

Ocorréuseme contarlles —mentirlles, serei claro—, que son o novo concelleiro de urbanismo, un besteirista de primeira hora, e que me gustaría ver o edificio.Vén de dimitir o anterior , Miguel Couto, parece que todo un partidario dos cabaleiros, e aínda non se designou outro.

Non dou crédito a que Couto tardase medio mandato en reparar en que un edil debe situar fieis no alto da súa cadea de mando. Lara Méndez aceptoulle o cese pensando no que dicia Alexander Pushkin, escritor e aristócrata, aos capataces: "Vós sodes carteiros e levades cartas, pero eu son a que as escribe".

Comentarios