Opinión

A columna de Ramón Carballo

PASEABA POR Quiroga Ballesteros. Un señor de chaqueta gris entraba nun portal. Quitou un folleto da porta. Enrrugouno coma un mapa mundi e tirouno no chan con desprezo.

Fun onda el para informalo do novo invento dos americanos para solucionar a incómoda reciclaxe: a papeleira. O home rosmou palabras agrias. Meteuse no portal escuro. Entendín que pode peonalizarse Lugo, pero haberá veciños firmes na grosería. Sorprendeume, sen embargo, o respecto co que a cidade aceptou o maior transformación no tráfico da súa historia.

Fixen unha lectura política. O cambio determina unha nova pancarta de saída. Rubén Arroxo parecíame un rapaz tímido que se fotografaba en pasos de cebra ata a obra de Quiroga Ballesteros. O martes asinou o redebuxo de rúas e buses. Cargou sobre os ombros o planeta da confusión, a sorpresa, a ira e a resignación dos condutores. O martes fixou o tema do que falan os tres alcaldables. Agora fáltalle desatascar reparos ideolóxicos que paralizan o Bloque na rúa Cervantes.

Lara Méndez actuou con habilidade. Desapareceu nun momento en que nin podía criticar aos socios nin debía aparecer nunha foto que respaldase a inciativa do BNG.

O Partido Popular mantivo a inercia que o empuxará ata que falte medio ano para as eleccións. Daquela pregonará os soldos do goberno local e mentará a bicha de Bildu. Bisutería política. En vez de repartir os concelleiros a bordo dos buses e de coches para levantar acta do malestar, en vez ofrecer un plano conxunto da indignación, puxeron a Antonio Ameijide a mandar WhatsApps automatizados. Onde estaba Ramón Carballo o martes? En Compostela. Termaba dunha columna na escenografía do candidato á Xunta. Mentres, Balseiro saboreaba un café na Praza Maior de Lugo.

Comentarios