Opinión

Cogomelos nacidos entre as neves do verán

Botamos a mañá paseando pola ruta de Marcelle. Neste mes imos ter convidados de varias nacionalidades na casa. Ana e máis eu marchamos camiñar para descansar das explicacions en inglés sobre qué fan os lucenses vestidos de romanos e castrexos. Na andaina atopamos cogomelos brancos e solitarios. Dáme pena que Elías non estea xa con nós. Sinto unha tristeza estensa pola súa falta, pero tamén concreta por non poder preguntarlle por eses cogomelos nacidos fóra do outono. Elías sabía tanto de fungos que andaba a eles sen baixar do coche, mirándoos a uns metros. Falárame algunha vez dos cogomelos de verán. Poden atoparse ocasionalmente. Penso que se referira aos perretxikos, que facían feliz ao meu tío Santi cando os atopaba indo co bañador negro á praia de Llas.

Sei que os cogomelos son excepcionais nesta altura do ano, coma que nevase en xuño no imperio romano. Hai unha historia sobre iso. Contouma Nieves Neira. O papa Liborio, que vivía cando o castro de Viladonga estaba habitado, soñou o 4 de agosto do 358 que a virxe María lle mandaba construír un templo no lugar de Roma onde atopase neve. Foi no monte Aquilino.

O sábado levamos á norteamericana que temos na casa, Adelle, ao castro de Viladonga. Un quinteto de turistas falaba acerca dun carballo rodeado dun muro de pedras que nacera nun foxo defensivo. Unha muller co pelo tinxido apuntaba que unha árbore con esas pedras podía verse nunha igrexa de Madrid. Engadiu a curiosidade de que fose un "costume celta" tamén. Foi peor escoitarlle: "Yo diría que este árbol no es de la época del castro". Xa lle digo eu que non, señora. Nieves escribiu Neve de agosto, un poemario ben bonito. "Al Mutamid fixo cubrir as ladeiras/ de flores blancas/ para a muller que nunca vira nevar".

Comentarios