Opinión

Coengo de portas

CONSIDERO varios traballos como alternativas ao meu. O favorito é ser coengo in minoribus, é dicir un coengo que non recibe as ordes sagradas. Sería cínico aspirar a recibilas sendo eu librepensador. Don Manuel foi sancristán da catedral lucense desde 1961. Ocupouse durante máis de medio século de abrir e pechar o templo. A min antóllaseme unha das responsabilidades máis dignificantes.

A outra é ser asesor ministerial en Bulgaria. Nisto non envexo a don Manuel. Envexo a César Aja, o exalcalde de Viveiro. Ser alcalde apetéceme menos porque calquera se sente autorizado a agarrarte polo cóbado, pegar a boca a túa orella e explicarche o ángulo que debe seguir a canalización na súa rúa. A nosa democracia supura por esa ferida. O cidadán é incapaz de asumir que vota ao señor Aja para que el decida o xiro que vai a dar a tubería na rúa do votante. 

O peor dos políticos é que son cada vez máis novos. Antes eran uns señores maiorcísimos con bigote de loito e traxe. Agora son rapazolos que visten americana sen gravata e levan a camisa discretamente aberta para que non os confundamos cos empregados dunha sucursal ameazada de peche.

Os políticos botan a vida asentindo, dentro e fóra do partido. Van a unha convención. Escoitan en silencio. Asinten ás razoables propostas, os audaces lemas e os contidos panexíricos. Alzan as cartulinas ao vento da prosperidade colectiva. O xesto levanta un aire de tanta forza que treme a fachada da catedral lucense, como cando o terremoto de Lisboa. Dan ganas de facer surf sobre estas ondas de entusiasmo que levantarán os tres congresos de partidos deste ano en Galicia. Ese silencio e esa ilusión sosteñen catedrais. Xa non proxectan vídeos de don Manuel. El si que sabía dramatizar o peche dos congresos.

Comentarios