Opinión

Cisnes

No café hai un señor que le o periódico en voz alta. Entra ás nove e media da mañá cun amigo. O outro home móvese lentamente coma el, pero precisa de gafas para ler. O señor que le o periódico en voz alta colle varios xornais e os reserva no seu sitio. Eu intento estar no café da mañá un pouco antes das nove e media. Sento cerca deles para escoitar ao señor. Ten unha voz que parece xema de ovo de galo. O señor que recita o xornal enuncia os titulares. Fai comentarios. As súas opinións son conservadoras. Asinte cando le El Mundo como cando Feijóo expón un discurso. Sacude a cabeza nun tic de darse a razón todo o tempo.

O recitador e o amigo sentan na entrada, xunto á porta. Protestan polos clientes que entran e deixan a porta aberta porque o frío dá sopridos cara adentro da cafetería. O señor afirma que o frío ten a cara de Pedro Sánchez.

No café de onte o señor coa voz que tiña Frank Sinatra nos últimos discos estivo lendo ao seu amigo sobre o mitin de pleitesía a Besteiro. Os socialistas visten como dependentes de El Corte Inglés dos anos 70. Levan unha americana sobre un xersei que a miña nai chama de cuello-cisne. Sánchez asegurou que ofrecera despacho ministerial a Besteiro, pero que el renunciou para ser lehendakari de Galicia. Ese dramatismo impostado sóame a cando Feijóo renunciou a presidir España porque Miguel Tellado non lle fixera ver que Vox e Junts nunca votarían no mesmo sentido.

O propio sábado, Yolanda Díaz presentou o seu partido prêt-á-porter na cidade de Inditex. Sumar é coruñés e improvisado. Nese mesmo día, El País destacou  a Ana Pontón entre os 24 persoeiros da sociedade a seguir en 2024. Os socialistas teñen unha ambición real de facerse coa Xunta por primeira vez en 42 anos. A maiores, empeza a dicilo en voz alta.

Comentarios