Opinión

Unha chocolatina republicana

NON SABEMOS se o doutor Duncan McDougall era un bo sandando enfermos, pero si acertaba a persuadilos.

Empezou a traballar en 1907 nun hospital para tuberculosos moribundos, aos que non se daba outra opción que agonizar. Cando menos podían facelo nunha cama con sabas limpas e luminosas, que é o dereito que deberiamos ter todos, dende o rei ao peor dos poetas posrománicos. O médico atopou no sanatorio unha balanza grandísima para bebés e obesos. Convenceu a seis agonizantes de que se deixasen pesar no tránsito entre a vida e a morte. A diferenza entre o peso do corpo en vida e o peso logo de morrer era de 21 gramos, como unha chocolatina ou unha cría de troita. Ou iso contou o doutor. Non é fácil concretar o momento da morte, pero carece de sentido calcular o peso dun éter inmaterial. A monarquía carece de peso porque é un símbolo.

O PSOE de Lugo lembrou onte os 90 anos da República cunhas flores vermellas, amarelas e moradas explicando que o partido "ten alma republicana", que é como a caridade cristiá que levamos no corazón. Presúmese que existe, pero ninguén a viu.

Houbo un alcalde en Ribadeo, Félix Mediavilla, que era unha eminencia na Bioloxía, pero que pensaba que o corpo social debía de someterse a unha disciplina propia de Darwin. El procedía dunha familia pobre e, cun esforzo elocuente, logrou ser catedrático na Universidade de Oviedo. Proclamaba sempre a súa "alma republicana". Non era incompatible con que lustrase as botas negras e pesadas de Francisco Franco cando o rei chiquito de Ferrol pasaba a Semana Santa no parador de Ribadeo para pescar troitas de 500 gramos no Eo. Lara Méndez pedía onte "un debate encamiñado a unha república". Agradeza un que a súa alcaldesa desconfíe da existencia da alma.

Comentarios