Opinión

Casas do Monte

Non soporto a soberbia dos ciclistas que ocupan o camiño común nin a submisión dos cans que buscan agarimo uliscando os meus zapatos. Deberían prohibir ciclistas e cans; as bicicletas, non. A Xunta tería, de feito, que prohibir os deportes todos. Exceptuaría o montañismo e o boxeo, onde os participantes ariscan algo de valor.

Toda a semana pasada estiven consultando os partes meteoróloxicos do Nepal. O corazón batíame pasado de revolucións nada marxistas. Dous checos, Marek Holecek e Radoslav Groh, abriran unha vía na parede noroeste da montaña Baruntse. A peaxe foi quedar atrapados a 7.000 metros. Unha tormenta de neve continuada tíñaos arrinconados contra unha parede rochosa dende nove días atrás. Soñaban nun sitio no que sentar para morrer con dignidade. Subir sería inútil; baixar sen ver onde pisaban, unha caída ao baleiro branco.

Desvieime ao leste da Chanca sen outra conciencia que a de recuperar a infancia en Ribadeo, cando vivía aos rolos na herba. A cada paso lembraba a cebada e a avea silvestres, as silvas e as ortigas. Cando quixen volver ao camiño, o camiño marchara deixándome so nun monte. Ao lonxe había unhas casas rodeadas de muros altos coma as leis de propiedade privada. Mirei Google Maps: Casas do Monte. A información non axudaba. A batería do móbil quedaba sen pulso. Holecek e Groh usaron os restos para despedirse. Boteime a andar pensando en que me quedaba media tarde e Galicia é un país acolledor, cunha granxa en cada monte.

Non sei que viraxe máxica dei, que me atopei na estrada de Galegos. Mirei o Twitter dos montañeiros checos: "Parou a treboada! Baixamos! Baixamos!".

Comentarios