Opinión

Un carro azul da compra

UN AMIGO regaloume un carro da compra para que o luza polo novo bulevard de Quiroga Ballesteros. O carro é azul, unha cor popular. Pregable e lixeiro.

Paseeino ante o café Celta, en Campo Castelo. Quería dar envexa ao PP e, dúas mesas máis alá, ao Bloque. No grupo popular saudáronme cordialmente o candidato Ramón Carballo e o tenente de candidato Antonio Ameijide.

Na rúa Raíña atopei o alcalde de Ribadeo. Non podo afirmar que  Fernando Suárez sexa o rexedor máis guapo da provincia como ilustran as páxinas douradas das nosas revistas do corazón, pero si o máis encantador. Contoume que estaba cumprindo a tradición da Mariña de vir renovar o carnet a Lugo e xantar polbo. Este ano non vai organizarse a Festa Indiana, a celebración na que os ribadenses revelan o seu desexo máis recóndito: ser un paseante rico, elegante e ocioso que perde a mañá no Campo de San Francisco.

Os políticos son xestores, retóricos ou situados. O BNG non ascende a Fernando porque xestiona, pero non foi aos xesuítas. Entre os oradores máis hábiles figuran antigos alumnos dos xesuítas e vellos lectores de Lenin.

Os discursos de Feijóo son os mellores do país en estrutura, exposición e ton. Palabra que pronuncia, palabra que quere pronunciar. O luns deixou un regueiro de nervios en Lugo. Recurtou a marxe de aspirar á alcaldía aos que non tiveron éxito. A admonición foi común en todas as cidades, pero a caldeira do PP lucense empezou a soltar vapor. No partido hai quen mastiga o nome do candidato en funcións; agarda por Javier Arias para reprocharlle a estirpe e a tibieza, e bota en falta esa candidatura de Quique Rozas que nunca será. Quique conta co cariño electoral necesario para alcanzar o número áureo, o 13. Mentres, Balseiro saboreaba un café na Praza Maior. San Marcos?

Comentarios