Opinión

A carga dos mamelucos

COMO EN TODO acontecemento importante que nos afecta non asistiremos. Entendera que nada debía opinar sobre a permanencia dos británicos en Europa nin sequera sobre a continuidade dos cataláns en España, que a democracia é un asunto dos interpelados.

Pensei que nin tería que reflexionar sobre as eleccións en Madrid, pero todos estamos afectados porque nos convoca a televisión.

Hai unha guerra en Madrid que debe conmovernos a todos como aquel poema de Rilke sobre a "carne desgarrada nas batallas". Rocío Monasterio calzou as botas de caña e o sombreiro austríaco coa pluma de ganso para ir de montería verbal.

Indigneime cos bolaños, os proxectís de pedra que conquistaron Granada en 1492 contra a súa vontade. Voaron en Vallecas. Elevei o medo co arsenal que circula no correo postal en dirección a Iglesias, Marlarka e Gámez. Esas balas eran perdidas, sen percutar; pero tamén eran pombas mensaxeiras cargadas de pólvora e furia. Cando poñemos as pistolas enriba da mesa para falar podemos taparnos os oídos porque soan as trompetas de Xericó.

Napoleón quedou perplexo cando "unha chusma popular dirixida por unha chusma de frades se enfrentou ao Exército das Luces", pero acabou vencido, como conta Goya en A carga dos mamelucos. Ortega temía ás masas en rebelón. Madrid ignora a España, pero España se empeña en discutir sobre Madrid. Nada se me perdía nada nas eleccións norteamericanas, pero pasei a noite en branco como a primeira vez que namorei.

Madrid pode converterse no rancho de O.K. Corral, onde se dispararon 30 balas durante soamente 30 segundos. Morreron tres persoas. Espero que o día 5 chegue canto antes, que cese o ruído e volva o murmurio amable  da discusión.

Comentarios