Opinión

Campos de amorodos

CADA NOITE leo na cama. A miña muller apoia o móbil no meu ombro para ver series. A súa nai coseulle un soporte acolchado, rosa e negro, para que non me usase como soporte. Nin así deixei de ser un vulto en réxime de gañanciais. Ana ve series en inglés. Doume concentrado na lectura porque o idioma distraeme a medias. Pero deulle por unha serie española. Aparecen grandes actores do pequeno sistema español de estrelas. Non me dou concentrado porque os intérpretes parecen estar dobrándose do castelán ao castelán. Soan como se lesen os guións de corrido; sen modular un ton, sen marcar un enfado, sen suavizar unha declaración de amor.

Volvín ler movendo os beizos, coma nos días máis verdosos e inmaduros da EXB. Sendo o inglés un idioma que se pronuncia con tres tonalidades, os actores norteamericanos soan variados na súa lingua coma a canción Strawberry Fields dos Beatles. John Lennon escribiu esa canción, que significa Campos de Amorodos, en Almería. É un lugar apropiado para sentirse seco de creatividade. Acordou de Strawberry Fields, un orfanato que había onda a súa casa da infancia, en Liverpool. Dixo: "Ben, John, vas facer unha canción sobre amorodos". Escribiu: "A vida é fácil cos ollos pechados/ sen comprender o que ves". Envexo esa clarividencia.

Non dei lido o libro na noite por culpa da entoación deses actores talentosos para o bico do Goya. Espertei de mal humor. Pero empecei a cantarexar Strawberry Fields na cociña. Acordei de cando comezaba a ler sen mover os beizos. A xunta electoral amargou a chocolatada de Lara Méndez na Milagrosa, pero nada dixo de que reparta amorodos. A miña nai celebraba os venres con amorodos vermellos e onzas de chocolate Moreno. Daquela, era un luxo; hoxe son unha nostalxia.

Comentarios