Opinión

Calor e un bocadillo de polo con mahonesa

A VIAXE de onte foi como a vida mesma: longa, fugaz e desagradable. Non me gusta facer centos de quilómetros en coche cando vai calor.  Non me permite falar co revisor, como no tre. Non teño a quen facerlle preguntas ferroviarias sobre as paradas que nos quedan.

A velocidade, o asfalto e o voante  que se me pega aumentan a sensación térmica ata temperaturas propias da sala de visitas do Inferno.

Todos temos tres vidas: a que nos gustaria levar, a que levamos e a que a nosa nai imaxina que levamos. A máis real é a que imaxina a nosa nai. Tamén a máis agradable. Carece de problemas, enfermidades e facturas da luz.

Ao chegar a Lugo mandei unha mensaxe por Whatsapp á miña nai para non tela imaxinando desgrazas sobre rodas: "Cheguei". Fun todo o cariñoso que podes ser despois de conducir oito horas cun café e un bocadillo de peituga de polo con mahonesa e leituga a 3.99 euros. Xantei nunha gasolineira con bar adosado perdida nos Picos de Europa. Non soamente me pon de mal humor a calor; comer mal, tamén.

A miña nai contestoume: "A viaxe foi máis lixeira do que pensabas. Xa estás en Lugo. Os teus fillos recibironte cos brazos abertos". Acertou no de Lugo, pero nin foi lixeira, nin os fillos abriron os brazos cando cheguei porque non estaban na casa. Paroume a Garda Civil nun control de mobilidade no medio e medio de Asturias, no mesmo lugar onde Favila lanzou unha sandalia á cabeza do oso que o devorou. O garda civil que me parou tiña unha barba longa coma un cantante indie. Preguntoume o motivo da viaxe e o lugar de destino. Cando lle ía amosar o certificado que xustificaba todo detivo a palma da man no aire e dixo con voz de trono: "No hace falta que me enseñe nada. Con ese acento que tiene usted solamente puede dirigirse a Lugo. Siga".

Comentarios