Opinión

A calculadora de letras de José Blanco

JOSÉ BLANCO nunca tivo unha calculadora de números. Nunca a tivo pese ao acerto que se lle concedía —e el fomentaba dende o ministerio— para clavar resultados electorais. Non llo nego. Si que lle nego que manexase cifras. A súa calculadora era de letras.

O saxofonista Paul Desmond afirmaba: "Quero que o meu jazz soe a martini seco". Blanco sempre expresou o que quería  e gobernou no que calaba. Cando foi ministro de Fomento eurodeputado soubo adecuar a forma ao fondo. É o secreto do discurso público. Eu interpretaba que era un home taimado, dos que falan con cinta métrica.

Agora dubido desa impresión pola entrevista que lle fixo Xoán Carlos Vidal en El Progreso do domingo. O meu compañeiro non deixou de tenderlle todas as espiñas necesarias ao seu paso (Felipe González, CPGJ, Podemos, Hasél). El foi apartándoas unha a unha coa vara de medir declaracións.

En política non existen o pasado nin o futuro, soamente o presente; o presente de indicativo, en concreto. Blanco accedeu a falar coa prensa, pero evitou impartir leccións maxistrais de estratexia e xestión aos líderes actuais do PSdeG. El empezou no partido na categoría cadete. Sabe do que cala.

Sorprendeume a súa discrección, fascinoume que non se sumase ao coro grego de exsocialistas que explican aos socialistas galegos o que debe ser o socialismo galego do século XXI.

Carlos Príncipe e Paco Vázquez botan o día indicando, acoutando, empuxando. Son inconscientes de que fan un monólogo que non logra ser máis que un desafogo, unha recreación do pasado, un museo sen visitantes. Napoleón toleou cando continuaba dando ordes como se fose Napoleón cando deixara de ser Napoléon. A política non consiste en que fales, senón en que alguén te escoite.

Comentarios