miércoles. 22.09.2021 |
El tiempo
miércoles. 22.09.2021
El tiempo

Cafés para San Froilán

Anxo Manoel subía pola rúa de San Pedro coma un cabalo luminoso. Hai dous meses someteuse á hipnose de ser pai. Resulta máis danino que o amor. Namorar é unha inchazón que baixa. Animei a Anxo: "Os fillos empezan a ser soportables a partir dos 4 anos, cando lles podes pedir que te acheguen o mando do televisor ou que che cociñen un polo á Villeroy".

Serafín non tivo fillos. Logo de casar ensinoulle o "chalet" á muller. Ela marchou cabalgando. Serafín bebía dúas botellas de viño ao día: "Unha para soportar a vida e outra para disfrutala".

A miña filla atravesou o furacán da adolescencia e o cativo vai nunha travesía polo Mediterráneo, ese mar aburrido. Á volta de dous anos mirarei o ceo estrelado. Ningunha constelación me falará de estar vivo. Morrer é desagradable. Hai que buscar documentos que nunca están na carpeta rotulada. Se vou en cinzas a San Froilán a miña muller poderá mudarse a un apartamento con cociña americana. Hai meses que o enterrador non pasa por La Modernita. Sempre o convido a un café.

Marilyn tiña unha forma sutil de esquivar o amor. Cando un aspirante insistía dáballe o teléfono. El presumía cos amigos de que ligara a Monroe. Cando chamaba contestaban na morgue.

En Ribadeo houbo un sepultureiro que vivía no cemiterio. Serafín durmía nun "chalet", o panteón abandonado dos armadores Bengoechea. Gustábanlle os cartos. Casou no camposanto para que non lle fosen ao convite. A nai non perdeu a oportunidade de usar un abano de marfil regalado por unha bisneta do primeiro Bengoechea. Quería estar a ben con Serafín. Cando a nai morreu o enterrador reclamou ao sacerdote os honorarios. "Como vas cobrar? Era a túa nai!". "Ten razón, señor cura. Voulle facer prezo. Déame a metade".

Cafés para San Froilán
Comentarios