Opinión

Un café, unha despedida

Vitiña ofreceume un café, un churro e unha breve despedida para un longo adeus. Eu devolvinlle palabras de alivio, a única planta que nace na sombra fría.

Vitiña pecha unhas semanas. Este mes xa comprara menos sacos de fariña para facer churros en previsión de que volveríamos perder unha batalla contra  a clausura, a tristeza e o silencio. Paco Nieto mandoume unha foto de La Moderna, que era La Modernita cando estaba na praza da Soedade. A cor ocre da imaxe lembroume a cando gozabamos dun pasado que lembrar con emoción.

Paso por Correos para mandar unha carta a Xoán Carlos Rodríguez. No sobre poño o seu nome e abaixo, Seminario Maior de Lugo. Escríbolle a man con renglóns irregulares, imitando a caligrafía de Deus. Pregúntolle se Deus está causando este Mal para que identifiquemos o Ben. Dicíao Leibniz, que era un filósofo arrevesado. Os extraviados da fe non temos outra esperanza que saber que todo vai empeorar. Disfrutamos o momento.

Leibniz foi enviado a París  en 1667 porque tiña unha voz serena e unha dición precisa do francés. Debía convencer a Luís XIV para non invadir os países alemáns. A entrevista durou unha hora. O diplomático botou cinco anos na capital do amor e a luxuria.

Vitiña dime que Paco Nieto me manda recordos. Paco reinou na radio en Lugo durante décadas. Os arquivos parécense ás persoas que os organizan. Paco garda un arquivo de voces tan leal e minucioso coma el. Acaricia voces en sepia de galegos importantes. Son voces anodinas, espesas, agudas, destimbradas, expresivas,... Hai voces de alegría; outras traslocen impulso ou rendición. Son os ecos da batalla interior que todos calamos. Paco Nieto ten unha voz preciosa. Podería quedar a pasar a tarde nela.

Comentarios