jueves. 15.04.2021 |
El tiempo
jueves. 15.04.2021
El tiempo

As cabezas de sol sobre o colchón

O DOMINGO recendía a salitre. Como me criei nun porto de mar relaciono os días amarelos coa praia da infancia.

No Ribadeo dos anos 70 facía sol todos os domingos. Fora a única condición que puxera don Enrique Galuá a Xoán XXIII cando este lle pediu que fose camareiro secreto do papado. Xoán XXIII era como o Consejo General del Poder Judicial, que fai nomeamentos cando xa acabou o seu mandato. Poida que o pontífice ignorase que el xa non era papa porque non lera a Nietzsche. O filósofo subira á montaña, levantara a acta de defunción de Deus e decidira que, como este morreu, o papa é falso.

No paseo matutino xunteime con Paco Martín e  Carlos Río, que estaban tomando uns baños de sol mentres percorrían a rúa da Raíña de sur a norte e de norte a sur. Falamos deses baños e dos baños de mar que se daban as carolas en Foz. Eran labregas da Chaira que se metían no mar en camisón. En Ribadeo chamábanlles canouras, pero canouro era un xenérico para todo foráneo que fose bañarse ao ducado mariñán adscrito á Casa de Alba.

Paco faloume dun cura de Begonte que prescribía as mulleres unha semana na costa para que lles dese un pouco o sol e un pouco o salitre na pel. O meu sogro, Bricio, conta que as condicións nas que as chairegas pasaban eses días de lecer eran pobrísimas. Alugaban unha habitación entre dez ou doce. Para durmir botaban un colchón no centro da habitación e apoiaban as cabezas rubicundas. Durmían sobre a madeira do chan. Parecíalles un leito de plumas de ganso porque a semana en Ribadeo era o descanso anual.

O camareiro secreto nunca protestou por esa miseria. Menos mal que o cura de Begonte exercía a misericordia. Eran as dúas caras do catolicismo: a soberbia na xerarquía e o pragmatismo humanista na parroquia.

As cabezas de sol sobre o colchón
Comentarios