lunes. 20.09.2021 |
El tiempo
lunes. 20.09.2021
El tiempo

Caballero propone Cola Cao

PASO POR Campo Castelo. Nesa terraza afrouxanse garavatas e aprétanse as sogas. Os romanos probaban as espadas segando o Campo de Marte.

Nunhas mesas sentan os ortodoxos; noutras, os rebeldes. Crúzome con Miguel Fernández, o concelleiro máis desaproveitado do socialismo galego. Cruza a Porta do Cárcere, camiña contra a praza de Santo Domingo. Un señor bota pan ás pombas. Son repolos grises que nunca voan.

A tarifa telefónica de Besteiro abaratouse cando Pilar de Lara escribiu 1.001 veces o seu nome na máquina de letras rotas do xulgado. Os rivais no PSOE continuaron en silencio, os compañeiros teñen memoria de peixes: tres segundos. Besteiro collía ilusionado cando o chamaban dun número descoñecido. Era para ofrecerlle o crédito perdido, pero de Cofidis. Daquela empalideceu. Lía compulsivamente a Céline: "Non hai maior derrota que ser esquecido". Recolocou o corazón. Volveu xogar ao tenis. Besteiro é alto.

Gonzalo Caballero dá unha rolda de prensa en Santo Domingo. Pide unha lista unitaria, coma Cristo no Gólgota. Quixo adiantar o congreso para sorprender a Besteiro en pixama. Agora suplica un empate. Caballero non vai ser presidente da Xunta. Non tanto por faltarlle carisma. Mesmo podemos perdoarlle que pida un doce Cola Cao cando Feijóo o recibe en San Caetano. Gonzalo Caballero átase ao seu posibilismo locuaz, pero usa cordas de derrota. Fáltanlle 20 centímetros de estatura. Os políticos altos locen máis cando lles dedican estatuas.

Besteiro vai tomar un café amargo e negro nas mañás do congreso socialista. Dubida se volver porque perdeu moito sangue pola ferida das imputacións. Evita pasar por Santo Domingo. A gloria odia o medo. Podemos bañarnos dúas veces no mesmo río, pero non tres.

Caballero propone Cola Cao
Comentarios