Opinión

Buratos no firmamento

ESPE GONZÁLEZ cóntame marabillada o concerto dos Milladoiro en Mondoñedo. Milladoiro non me parece un grupo, senón un nome gravado nun pedestal romano de mármore. Sorpréndeme que aínda actúen. Achegaron solemnidade ao novo esplendor das pinturas góticas catedralicias. Falo da catedral católica, non da Casa de Cunqueiro. Se o escritor tivese santificado unha relixión sería unha noite de agosto: un reino amable do disimulo, a mentira e a heterodoxia.

Atopo a Pepe Seijo na rúa da Raíña. Ambos nos dedicamos a este embiste diario de informar, pero ás once da mañá el está no mediodía da súa xornada laboral e eu amanezo na miña. Emilio González tamén está na radio, na Galega. Aparece e únese á conversa. Emilio traballa ata a hora na que sube a marea escura da noite. Comentamos a enquisa do PP de Lugo referida a alcaldables: Candia, Arias, Rozas, Ameijide. Levo escoitadas numerosas versións sobre os resultados. Superan en número ás estrelas da Vía Láctea. O partido logrou que fose clandestina. Comprobo que mesmo os militantes me falan de oídas.

Anaximandro, o vello filósofo grego, aseguraba que as estrelas non eran máis que buratos na bóveda celeste que deixaban pasar a luz do día polas noites. Sempre sospeitei que se formaban máis estrelas no verán polas roturas que fan no firmamento os foguetes anunciadores de festas. Hai tempo que non vexo estrelas. Tería que conducir máis alá da Garaballa ou de Nadela. Desterramos a escuridade «por pobre e triste». Calquera madrugada ves persoas camiñando na rúa da Raíña e na avenida da Coruña. O resto da cidade podería quedar en penumbra sen necesidade de que Isabel Rodríguez, a subdelegada do Goberno, nos apague os interruptores con esa advertencia tan maternal de que non temos accións en Fenosa.

Comentarios