miércoles. 18.05.2022 |
El tiempo
miércoles. 18.05.2022
El tiempo

Unha broma infinita sobre Vigo

FUN CEDO á praza de abastos. É cando van as señoras que saben comprar. Pensara en levar acelgas, pero a señora que me antecedía na cola —unha señora de pelo branco curto e de aros negros coma bólas de billar— fíxolle amosarlle a mada ao froiteiro. "Non cha levo", condenou sen levantar o secreto de sumario. Comprei un repolo. Na pescadería había outra señora de camisa granate e ollos que non paraban quietos. Pediu un quilo de mexilóns. Levei un quilo de mexilóns. Gústanme os mexilóns. Son máxicos para os que non sabemos cociñar. Tes que pousalos na pota e xa. O meu sogro ponlles unha folla de loureiro; a miña muller, dúas bólas de pementa negra. Eu déixoos cocerse na auga de Corme. Os veraneantes bótanlles limón. Tampouco se lles pide máis. Gústame o sabor salgado e amargo dos mexilóns. Ten unha potencia enorme na súa sinxeleza.

C. Tangana comporá o himno para o centenario do Celta. Manuel Jabois compuxo un himno para o Real Madrid. Díxenlle que me parecía dunha simpleza ferinte. Contestoume que se trataba de que o cantasen os afeccionados, non de aspirar a uns xogos florais  con prosodia e gardenia. Tiña razón. El comprendera para quen escribía. Tangana é licenciado en Filosofía. Canta "yo era ateo, pero ahora creo/ porque un milagro como tú ha tenido que haber bajado del Cielo". Analizou ben aos seus oíntes. Por iso se ofreceu a Carlos Mouriño para compoñer o himno. Será elemental para o club e alentador para o equipo. Eu supuxen que Siniestro Total comporía esa canción. Fixeron unha broma con Vigo que lles durou corenta anos. Vigo tamén pode debuxar unha caricatura e deixarse gobernar. Siniestro despedínronse en Madrid, porque o chiste non era de consumo interno. Contábano para os que regan os mexilóns con acidez.

Unha broma infinita sobre Vigo
Comentarios