Opinión

A bolsa de Nova York

PUXEN A ZAMARRA verde para saír pasear. O ceo estaba áspero de nubes, polo que adiviñei que chovería. Fíome das miñas prediccións, pero a aplicación meteorolóxica do teléfono sempre gaña.

En Lugo cada rúa garda unha conversa. Se saes andar podes atopar unha compañeira de traballo que volve do dentista, un xerente de hotel en erte ou un afeccionado ao montañismo. As conversas volvéronse cápsulas de nostalxia. Acordamos de cando a vida era tan normal que resultaba anodina. Agora imos aplastando o acelerador por unha estrada de curvas feitas de patoloxías previas e decretos sobre o método para tomar café nunha terraza. O meu tío Pedro nunca tomou un café fóra da casa. Viviu dous anos en Francia. Ten un caderno verde no que anota cada día os cartos que aforrou dende os 18 anos. Mentres quenta a cafeteira doméstica revisa no móbil a evolución da bolsa de Nova York. Posúe unha fortuna e uns ollos grises bañados en melancolía.

Mentres camiñaba parei mirar unha tenda de delicatessen pechada na rúa das pastelerías. Un señor púxoseme de par. Observamos as caixas que deixaran no lixo as empregadas de Adolfo Domínguez. Logo reparei en que lle fixera unha reportaxe hai moitos anos. Trataba do seu irmán e do Sahara, pero non lembro máis. Contoume que ás veces collía caixas de zapatos para forralas bonitamente e gardar fotografías. Recurtara unhas dun libro de montaña porque llo arruinara a humidade. Falamos de montañas e desertos, de cando a vida era unha aventura tolerada polo Diario Oficial de Galicia. As emocións que nos quedan nestes meses son a montaña rusa das contabilidades de enfermos e fondos de investimento. Queremos que uns baixen e outros suban. Perdemos de de vista que están mortalmente ligados.

Comentarios