Opinión

Bieito Rubido non falará de Charo

Bieito Rubido publicará unhas memorias en novembro. Contar la verdad leva un subtítulo longo coma un río brasileiro: Cómo cuarenta años de oficio no me hicieron dejar de creer en el periodismo.

Bieito non vai falar de Charo. "Non acordei". Charo líame en La Comarca del Eo. Unha vez ao mes presentábase na redacción coruñesa da competencia. Estaba en Catro Camiños. Esixía que a recibise o director. Sentaba nun sofá da entrada, que nos anos 90 recendía a vaca vella. O bolso negro agarrado sobre o colo gardaba bolsas, pan para as pombas e medicinas. Podía permanecer horas agardando. Tiña os fármacos a man. Inverno e verán calzaba uns zapatos negros e anchos coma tacos de regaliz. O cabelo era unha melena curta e pálida, que ordenada cunha raia alta e suxeitaba cun prendedor. No despacho de Rubido argumentaba que lle gustaban os meus textos novicios e que debía contratarme. Bieito asentía, paciente. Indicaba a unha secretaria que o chamase para unha xuntanza inventada a fin de rematar as audiencias. Nunca fixo caso á señora insistente porque eu non deixaba de ser un rapaz de 19 anos balbucindo artigos nun xornal local.

Eu empezara a publicar un ano antes, cando fora visitar La Comarca; en 1993. O taller ocupaba unha casa de pedra antiga e incerta en Ribadeo. O director, Mejeras, era un republicano melancólico cunhas patillas brancas coma orellas de San Bernardo. Pedinlle autorización para colaborar. "Publicaremosche os textos se non escribes blasfemias. A min dame igual, é polas beatas que compran o xornal".

Eu souben da historia de Charo cando xa era pai, con corenta anos. Bieito daba unha conferencia do Círculo das Artes de Lugo. Quixen fundirme co meu asento cando lla escoitei. Descubrín todo o que me quería a miña tía.

Comentarios