Opinión

A beleza das velutinas

PEPE dixo chamarse Pepe. Pregunteille polo apelido. Fixo un xesto de curtar o aire coa man.

Vestía unha camisa discreta e un chaleco manco. Faloume polo longo do artesonado mudéxar da igrexa de San Pedro. "Único en Galicia", destacou.


 Pola tarde quedei con Óscar López Alba. Citeino nun lugar discreto. Toma café con leite arrefriado con xelo. Non teño necesidade de que me vexan cunha persoa que ten esas derrotas no gusto. Comenteille que o combinación de luces e sombras da súa arquitectura era moi árabe. El non a atopaba por ningures, pero eu sei argumentar sobre calquera tema que ignore. Na mesa do lado había un home triste nunha cadeira de rodas. Bebido un café só, amargo e quente marchei andar.


Axentes da Local puxeran as luces azuis do coche patrulla no cento da rúa Yáñez Rebolo. Os bombeiros estaban desafiuzando un niño de velutinas á altura dun quinto. Os servizos de emerxencia visten cunhas colores amarelas e laranxas que me fan pedir que deixen a gama cromática ao criterio do deseñador Luis Areñas.


Un señor que respiraba coa máscara baixo o nariz empeñouse en que mirase os cadáveres das abellas feroces. O seu afán era comentarmos lendas mortíferas. Nunca fun de visitar morgues.
Seguín camiñando con tal ímpetu que deixei atrás as siluetas da cidade e aparecín nun claro do bosque urbano. Hai tantas hectáreas ao redor que animaría a Lara Méndez a crear ao seu carón un bosque rural para buscar un contraste entre as dúas ordenacións forestais.


Baixaba pola Milagrosa cando atopei a  Santiago Catalán, o terceiro arquitecto do día. Enxalzou a beleza e complexidade dos niños de velutina. Eu confirmeilla: "Son coma artesonados mudéxares". Quedou confuso, pero calou educadamente.

Comentarios