Opinión

Un bastón sobre a punta do dedo

TODAS AS noites fago autopsia ao meu exemplar deste periódico. Retiro os pasatempos. Gárdoos nun montón para darllos ao sogro. Os que camiñamos polo arame da prensa sabemos que o malo son as exclusivas, flores de caducidade diaria, e o bo, as erratas, que están iluminadas de sol a sol, pero se apagan. Deste papel que len quedará a memoria do encrucillado e do sudoku. Distraerán a tarde de calor denso en Ribadeo a un xubilado. Hai dez días estiven con Bricio. Recordoume uns versos de Quevedo. Impresionáranme xa no colexio do Sagrado Corazón. "Falta la vida, asiste lo vivido,/ y no hay calamidad que no me ronde". Asegurou que lera un volume coas obras completas do escritor madrileño cando viu que as traía para Lugo. A miña intención é lelas antes da semente. Non darei cumprida máis que a vontade.

O meu pai tamén cubría pasatempos. Antes, lía novelas e poesía. Recordo as noites veraniegas do meu pai na miña nenez. Erguía da cama cos ollos alucinados e esgotados. Botara o insomnio lendo Pantaleón y las visitadoras. Non quero supoñer o que pensaría de saber que o seu adorado Vargas Llosa xa non aparece publicado en papel de Biblia. Comparte o ¡Hola! con Victoria Federica. A neta emérita posou nun retrato rampante a cabalo. A imaxe continúa a estirpe de posado ecuestre dos Borbón que iniciou Felipe V en 1723.

Nun exemplar do martes de El Progreso souben do pasamento de Agustín Miguélez. "Por fatiga de materiais", diría el. Do exprior de Samos quedan os bastóns. Adoitaba exhibilos en equilibrio sobre a punta do dedo índice. Botou 55 anos nun mosteiro. Pareceume excesivo consagrar tanto tempo a unha convicción. Monet dedicou 25 anos a retratar o seu estanque en Giverny; pero, el non pintaba o estanque, pintaba a luz atravesando a auga, unha ilusión óptica.

Comentarios