Opinión

A barra de pan de Víctor Moro

Unha das maiores impresións de Ribadeo leveina hai seis veráns. Un coche de cristais afumados e ancho coma o Eo cando emboca Reme parou diante da panadería de Asunción. Baixou un home cun traxe calado. Abriu a porta para que baixase Víctor Moro. O virrei do Banco de España descendeu do coche coa cadencia dun elefante con memoria de arquiveiro. Entrou na tahona e volveu subir no Audi cunha barra. Comprar o pan era o seu xeito de pisar terra no parnaso das finanzas. Nunca esqueceu as artes económicas nas que o iniciara don Genaro, mestre na academia ribadense de Santo Tomás de Aquino en Ribadeo. Antón Costas, Lourenzo F. Prieto e Bieito Rubido van dedicarlle unha laudatio o día 3 en Ribadeo.

Víctor Moro formaba rondalla con Leopoldo Calvo Sotelo, Rafael del Pino (O Senecto) e o galeguista de Oxford John Rutherford. Celebraban con pulso e púa a calor amable das noites no Campo de San Francisco.

Non tratei a Víctor Moro. Deume clase o seu cuñado Marcelino Zapico. Era un filósofo que trataba de poñer sensatez humanista na Asturias borracha e dinamiteira da que procedía. Era un paseante de mans nas costas, da paz coma aura. Camiñaba na aula e camiñaba polos paisaxes aireados de salitre que circundan Ribadeo. Yoya Moro gustaba máis da tertulia e do café na Bugalla, coma as damas parisinas do século XVIII. Madame D’Agoult explicábao: "O salón era a meta máis alta, a satisfacción dos seus anos maduros, a gloria adquirida coa idade". Daquela eu vivía na saída cara a Coruña. Poñíamos en hora o reloxo cando  pasaba Marcelino ante a ventá do salón. El era partidario de San Agostiño, da "orde sosegada e do sosego ordeado"; eu tiraba máis por San Bonifacio: "Grazas, Señor, por estes tempos tan convulsos que me permites vivir".

Comentarios