Opinión

Un bar no Vicerreitorado

A UNIVERSIDADE deixa o centro de Lugo, pero seguimos como amigos. Quero dicir que a USC aparcou un camión de mudanzas diante do Vicerreitorado para levar os mobles, o televisor, os discos dos Rolling e o rosario da nai. Hai tempo que se avisou neste xornal de que Nacho Rodríguez e Paloma Lugilde estaban metendo os paquetes de folios, os bolígrafos Bic e a foto feliz dos amigos en caixas de cartón, pero aínda vimos de sabelo na cidade. Supoño que non habería nada que facer de coñecer antes que a USC pasara a aspiradora por última vez pola moqueta. En Lugo somos de reflexo lento por culpa da neboa; que nos confunde, a maldita. Xa nos levaron o centro da cristiandade a Santiago e quedamos cunha catedral a media pensión e cun resentimento per sécula seculorum.

Non podería asegurar que os lucenses entendamos a importancia de que o saber ocupe determinados ámbitos, aínda que sexa de xeito simbólico, como era o caso do Vicerreitado.

O reitor, Antonio López, tranquilizoume o outro día na entrevista que concedeu a Sabela Corbelle neste diario. A idea é que van descolgar os cadros das paredes, levar as mesas e as papeleiras e deixar o edificio limpo de representación institucional, servizo de comunicación e artes escénicas; pero, a cambio, van poñer un bar.

Poñer un bar sempre foi un recurso apañado para que os despedidos investisen a indemnización. Van poñer un bar sen camareiros, para que cada quen escolla o que queira sen sentirse presionado. Pero a planificación non queda aí, senón que vai estar acompañado dunha tenda de roupa. Neste punto sentín unha leve ilusión porque imaxinaba un amancio co seu black friday e as súas ofertas na sección de calcetíns, pero a tenda será da propia USC. Con dependentes, espero. 

Comentarios