Opinión

Bañarse no ceo de Galicia

Xa é primavera no ceo de Galicia. O azul está tan azul que apetece dar un salto verticalísimo cara a arriba para bañarse.

ABAIXO TODO sigue igual. Hai miseria, coches, máscaras, regatón e políticos insultándose. Antes tamén se insultaban, pero tratándose de vostede e coas mans na chaqueta. Os políticos gritan aos seus para excitar o seu ánimo electoral. Gritan aos rivais para acovardalos.

Ramón Mercader leu a Trotski no cárcere (A revolución traizoada, Os crimes de Stalin). "Outros presos mataron por cousas reais: porque os arruinaran no poker ou porque a muller lles puxera os cornos. Se chego ler eses libros antes non tería matado a Trotski". Ás veces as agullas do cerebro xiran en sentido contrario.

Abascal non foi expoñer o programa de Vox a Vallecas, foi berrar cara ao vendaval. Aprendeu do erro de Ciudadanos. O partido liberal empezou a súa debacle cando Arrimadas deixou de xesticular con manierismo e se puxo a dialogar. Ciudadanos recupera os tons agudos no discurso. Beatriz Pino advertiu de que «non vai permitir» que BNG e PSOE usen o estatuto "para romper Galicia". Para cumprir unha ameaza é necesario ter a forza de impoñela, pero antes hai que saber de onde procede. Cando me informe de quen é Beatriz Pino contareillelo. 

A palabra xa non é «carne», como na poesía de Mallarmé, senón insulto, vulgaridade e navallada na boca do ventre.

Todos estamos en campaña electoral. «Madrid es España y España es Madrid», que di a sempre inspirada Ayuso. Madrid fala coa gorxa común, é primavera cando o decide El Corte Inglés e o cuco canta cando un paseante chama ao xornal para contalo.

Non esquezo que o papel dos políticos nas crises é "enxendrar a esperanza, esa bela demente", como atribúen as letanías a Satán.

Comentarios