Opinión

O bañador austero de Manuel Fraga

NO XANEIRO de 1966 houbo un accidente de aviación en Almería. Caeron sobre Palomares catro bombas nucleares dos norteamericanos

A súa potencia borraría aquela costa coa furia da piratería berberisca do século XVI se chegan estourar. Francisco Franco ocupouse de cubrir o asunto cunha manta negra como as que cubrían os cadáveres infartados nos prostíbulos. A fama, xa entenden. Temendo que a noticia afectase ao turismo enviou ao seu ministro máis aparatoso, Manuel Fraga. O león de Vilalba pediu prestado un traxe de baño grandote e austero ao cura local, Navarrete Serrano.  Don Manuel adentrouse na costa para firmar a limpeza do Mare Nostrum co risco radioactivo da súa vida.

Medio século máis tarde, agora que o pánico ten nome de estrela brasileira do fútbol, Astra Zeneca, hai que mandar a ministra Carolina Darias ao Palomares sanitario. Ten que darse un baño de multitudes recibindo a vacina.

Os peores oficios do mundo son os de político e artista de variedades. A súa dependencia de votantes ou espectadores requírelles superar probas humillantes, insalubres ou que engordan.

Fraga tivo outro baño célebre, pero nese fuxía do ollo público. Sendo ministro de Turismo inaugurou un teleclub en Cambados. Acompañábao o seu subsecretario, Pío Cabanillas. Era verán. A calor noqueaba os paxaros, deitábaos de costas sobre a lona, coma nun ring. Fraga e Cabanillas querían bañarse, pero non levaran traxe. Pío propuxo un lugar remoto. Foi refrescante. Cando estaban saíndo da mar cara ao areal, espidos, sentiron chegar un autobús. Empezaron a baixar monxas ursulinas vestidas no branco e negro da castidade. Fraga cruzou as mans diante do seu pube. Formou unha folla de Adán. Pío Cabanillas mirouno perplexo: "A cara, Manolo! Tapa a cara!".

Comentarios