Opinión

Unha balsa con pouco aceite

Miguel Olarte publicaba en El Progreso unha información sobre o congreso provincial que o Partido Popular montará neste setembro. O texto deunos para un congreso filóloxico aos clientes de La Modernita.

Olarte prevé que a elevación de Elena Candia como presidenta será "un crucero en una balsa de aceite". Candia logrou dúas firmas reveladoras: Ramón Carballo e José Manuel Balseiro.  Balseiro publicou no seu Facebook unha fotografía asinando a favor de Candia. A súa expresión contrariada empúxame a pensar nun pacto territorial con Elena: a cidade para os meus; a provincia para ti.

Se a "coreografía militar" que describe Olarte se mantén Candia será papisa provincial.  Como acompañante para o cartel fálánme de José Ángel Santos. Son dous políticos válidos. O alcalde de Friol protesta contra os seus se lle pisan a herba. Os coristas que se van do ton que fixa a partitura nunca triunfan en política, pero dinme que se entende co compositor de Monte Pío.

Candia ten ordenadas as parroquias. Hai manobras militares dentro de Lugo. A Ramón Carballo xa mo sitúan en programas de retiro activo. É un home encantador, pero os votantes non practican artes adivinatorias. Na rúa pregúntanme quen é el, a que dedica o tempo libre.

O debate no partido é presentar a Antonio Ameijide ou a Javier Arias Fouz. A vantaxe de Ameijide é coñecer cada roda dentada da enganaxe municipal. O seu problema é que outros aspirantes reclaman a plataforma de lanzamento. Javier Arias ten un perfil San Caetano. É técnico, de mediana idade e nunca levanta a voz. Arias é bidimensional, soamente se lle coñece polas fotografías. Debería presentarse como Javier Fouz. Cambiar de pai é un lío.

Tanto Ameijide como Arias garanten ao Partido Popular outros catro anos de prácida oposición.

Comentarios