lunes. 16.05.2022 |
El tiempo
lunes. 16.05.2022
El tiempo

Auga santa que non has beber

PEDÍN Á MIÑA muller que me afastase da cidade no coche. Quería percorrer varios quilómetros sen atopar ninguén co que parar. Pensei en que sería bo prender lume a uns centos das miñas calorías. San Xosé é chamado o Santo do Silencio. Asistiu a todo aquel lío do anxo e a pomba pasmado, cos ollos abertos. Ana deixoume en Ombreiro. Sentínme coma un cadelo na gasolineira do Miño a corenta graos. Apaguei o móbil. Boteime andar en silencio. Hai peregrinos que percorren todo o Camiño de Santiago para atoparse consigo. Logo descubren o aburridos que somos, descubren para que se inventou a conversa. Non tardan en facer etapas canda outros camiñantes que se buscaban a si mesmos.

Empecei a camiñar e atopei a Delio. Faloume estaricando o pescozo e apoiando as puntas dos dedos na gorxa. Fáltalle a voz, pero ten vontade. Vaina recuperar para a próxima vez na que nos crucemos na ponte de Ombreiro. Delio era unha cidade aliada de Esparta. Os atenienses intentaron conquistala. Os defensores non se sentiron ofendidos polo ataque, senón porque os invasores bebesen a auga sagrada do santiario de Apolo. Tiña fama de milagreira para as afonías, pero a auga santa perde o efecto se é usada para lavar as partes vulgares do corpo.

En Ribadeo tivemos por veciño O Letón. Dicíanlle así porque levaba a camisa branca atada o pescozo e tiña os ollos grises. Alguén decidiu que era de Letonia. El nunca o dixo. Nunca dicía nada. Sentaba ao fondo do café Cantón. Quitaba un anel de ouro para facelo rodar sobre o mármore da mesa. Pasaba así as horas. Como non pedía nada, Nemesio servíalle un café so. Nos dous anos que botou na vila ninguén lle escoitara a voz. Un día Nemesio serviulle o café fervendo. O Letón levou aos beizos e berrou: "Carallo!". Marchou. Para sempre.

Auga santa que non has beber
Comentarios