Opinión

Un auditorio para unha nai

A Nancy Reagan gustáballe recibir xente na Casa Branca. Aquel día de 1987 convidara artistas. Viu entrar un afroamericano cansado polos anos. O home andaba a pasos cortos, en espamos, e levaba un brazo caído coa man colgada, como se estivese apoiado nunha barra. Vestía uns pantalóns de coiro e unha chaqueta dourada. A melena triste e graxenta caía sobre os ombros. Nancy Reagan viuno perdido, coma un drogadicto sen vacina para a ansiedade. "Boas,señor, quen é vostede?", saudou sorrindo. "Son Miles Davis, trompetista de jazz. Cambiei a Historia da música dúas ou tres veces. Vostede que fixo a maiores de casar co presidente Reagan?" A democracia e a cultura definen as civilizacións, pero non  deben confundirse. Non se pode votar democraticamente se a mellor obra da nosa literatura é A esmorga. Sábese. Punto.

O PP de Lugo entrou nun bucle de oposición presencialista, de que se note que está no despacho. En vez de coller cinco liñas argumentais e desenvolvelas, pon cada día o selo do grupo municipal nunha crítica. Quedei desconcertado coa súa proposta de que os grupos políticos escollan unha serie de nomes para o auditorio de Magoi e que sexan votados na web do Concello. A eles non lles gusta Fuxan os Ventos porque o propuxo un grupo de goberrno, o BNG; a min horrorízame que os políticos especulen sobre cultura e máis que votantes sen criterio decidan nesa materia. Isidro Novo e Paco Martín deron nome a bibliotecas na parte norte da cidade e a todos nos pareceu boa idea. Nomearon Carmen Estévez o auditorio de Vilalba. Pareceume estupendo, aínda que tiven que buscar a achega que fixera a señora á cultura. A procura permitiume saber que tivera cinco fillos con Manuel Fraga. A puericultura non é a disciplina que estuda a literatura infantil.

Comentarios