Opinión

Un auditorio de luz e néboa

O PRIMEIRO piso que comprei en Lugo foi nun edificio marrón da ronda de Fingoi. Era un dúplex bonito e alegre: o veciño da parede contigua ao meu dormitorio traballaba nun pub e tocaba a batería nun grupo heavy.

Cando chegaba á casa, aínda coa adrenalina das copas e a música de bacalao, ensaiaba durante unha hora algúns dos grandes éxitos da súa banda. Interrompíame o sono co ruído que armaba, pero nunca lle reprochei nada porque son respectuoso coa cultura. El procuraba atronar baixiño, tamén é certo.

O salón tiña vistas longas ao río. Soa tan harmonioso como a batería do meu veciño, pero a metade dos días acordaba do poemario de Manuel María: O Miño, canle de luz e néboa. A luz debía de quedar toda aguas arriba, no Outeiro de Rei natal do poeta, porque na Tolda de Lugo arrastraba unha capa densa de brétema cada mañá. Así que un día de 1996 empezaron a contarme nas cafeterías máis lustrosas e informadas da Praza Maior que construirían un centro comercial con cines nun solar entre a miña vivenda e o espello incerto que era o río. Pensei que, xa de non ver o Miño, podería achegarme ao cinema asistir a todas as películas de James Cagney en versión orixinal subtitulada. Consoloume ter Os furiosos anos 20 a unha carreira de can. O proxecto frustrouse. Aínda pasaron unha chea de anos ata que se falou dun novo auditorio, tan innecesario nunha cidade sobrada de escenarios como falta de escena. Pero ergueuse.

Catro anos despois de ser rematado temos o bonito cadáver dunha balea azul apodrecendo en Magoi. O Partido Popular acerta sacando as cores ao goberno local por non abrilo. O problema é que ignora ou asubía sobre o papel da Xunta nese drama. No medio atópase a cidadanía de Lugo, que non sei se é paciente ou pusilánime.

Comentarios