Opinión

O astrolabio de Tony

ANTONIO FOI camareiro. Sábese porque ten as uñas das mans coidadosamente recurtadas e porque o seu pelo, branco coma o insonmio, parece peiteado con astrolabio.

Senta na cadeira de La Modernita co saber estar e a naturalidade que aprendeu do cantante Cliff Richard. Xestionaba o restaurante do Náutico de Alacante. Sabe servir e ser servido. Agora, con 80 anos, dá leccións de falar e escoitar.

Queda parado mirando o guiso que lle puxeron de tapa. Mira as uñas e volve a 1969, cando marchou. "Orson Welles sempre me dicía que en España non coñeceríamos o brillo da liberdade ata que morrese Franco". Antonio emigrou para facerse unha vida. Atopou traballo no restaurante Oscar, na zona de Richmond. "Agora lévao un xaponés". As casas de Richmond teñen xardín, coma moitas outras en Londres; pero en Richmond tamén teñen xardineiro. Antonio pasou ser Tony. "Boto de menos o respecto. Alí ninguén che preguntaba cantos cartos tiñas. Aquí os camareiros son invisibles para os ricos". Polo Oscar pasaban todo os músicos de rock británico dos 70: Shadows, Small Faces,... Antonio tradúceme cada nome coma se eu non coñecese o batería Keith Moon, dos Who. «Estiven en festas na súa casa. Era moi bo rapaz, pero morreu novo". Faime o xesto de inxectarse cunha agulla imaxinaria no brazo. Orson Welles prefería drogas máis suaves. "Bebía media botella de viño francés como aperitivo e unha botella no xantar". Sean Connery era máis prudente. "Tomaba sempre o mesmo wishkey, Haig. Sempre con auga, un escocés nunca bebería whiskey con xelo". Antonio ponse triste cando lembra que viu "oito veces chorando á actriz Susan Churchill porque a interpretación non gustaba ao director". Daquela toca fondo na nostalxia e Tony volve emerxer como Antonio. "Outro café, Jaure?".

Comentarios