Opinión

Asar pedras

UN PODE bañarse dúas veces na mesma piscina, pero non facelo no mesmo río. No Ribadeo dos anos 70 toleabamos polas piscinas. O mar estaba aí. As mañás cheiraban a salitre. Podías bañarte en calquera momento, mesmo nas noites de verán. O mar case non tiña secretos. Os poucos que escondía coñecíannos os madrileños. Eles eran quen nos explicaban as correntes da nosa ría. Estudaban todo o inverno os planos mollados e doces para sacudirse os seus complexos provincianos en agosto. O mar non tiña interese para nós. Respiraba coma un elefante moribundo.

O meu pai adoitaba cocer pedras na cociña da casa. Experimentaba a temperatura que podían soportar certos minerais meténdoos no pequeño forno Corberó. Cando a miña nai protestaba porque non a deixaba facer un ollomol ou cando precisaba 1.000 grados marchaba a Sargadelos.

A primeira piscina na que puiden bañarme está na fábrica de cerámica de Cervo. Tiña 14 anos. Isaac ordenou a un empregado que me desen un pase. Eu estaba marabillado pola luz azul. Logo descubrín o fraude de bañarse en agua doce. Aprendera a nadar na Rapadoira, en Foz. Abondaba con que agardarses por unha onda, deses un pequeno salto para apoiar o peito sobre o seu lombo ribeteado e braceases. Na piscina todo se afundía. Carecía da alegría do movemento ondulado.

Los Robles non abrirá a piscina este verán. A única pública que queda na cidade de Lugo é Frigsa. Cada verán volvo a Sargadelos. Dixéronme que van recuperar a piscina, que agora é unha caixa seca. Gústame recordar as viaxes co meu pai no Seat 124 marrón. Eu levaba as bolsas de mineirais entre as pernas. Aínda me divirte o seu sorriso cando comentabamos a bronca que lle botara a miña nai

Comentarios