Opinión

Ardor guerreiro

Cando morre un camareiro desaparece unha hemeroteca. Falábanme o xoves de Agustín, que atendía no Mesón do Forno; sempre disposto e rigoroso. Dicían en La Modernita que fora xastre. Rematando a carreira na confección bordando en fío de prata un uniforme de gala. Luciuno o pai na súa retirada como cabaleiro do benemérito corpo. Ao finar o proxenitor, Agustín entendeu que aquela roupa marcial e honradísima debía ser gardada. Doouna a Antón Bascuas para o museo secreto que mantén na Milagrosa. É un baixo con paredes forradas en seda e veludo onde están expostos unha ducia de maniquíes tallados en madeira de carballo do século XVIII. Visten sotanas, albas, camisas e estolas dos seus ascendentes cregos.

O bancario de Castroverde Xosé María Vilavella visitouno. Pediu a Agustín que collese de novo a agulla bañada en ouro para confeccionarlle unha imitación honrosa do uniforme do pai. Vilavella fora zoqueiro antes de entrar como mecanógrado no Consello Superior de Xustiza Militar. Quería un traxe de oficial que igualase en dignidade á medalla laranxa gañada na Campaña de Ifni. Concedéranlla pola defensa do Banco Exterior de España da cidade contra os rebeldes de Ben Hammu. Vilavella apostara o sangue en 1957 na honra da central financieira que dirixía ante un asedio feroz de centos de rebeldes durante catorce dias coas súas noites frías. A Super Star atascábase constantemente cando disparaba.

El dedicábase á banca, pero sentía ardor guerreiro, como Agustín preferiría ser xastre ou Olimpia, vivir da poesía, aínda que era funcionaria. Olimpia daba clases de mecanografía aos meus amigos. Lémbroa en Foz, cun sorriso e unha pamela que ocupaban todo o verán de extremo a extremo. A morte borra todas ilusións, mesmo as poderosas.

Comentarios