jueves. 15.04.2021 |
El tiempo
jueves. 15.04.2021
El tiempo

Os oito aneis de Coté

Interior de la plaza de Abastos de Lugo. SEBAS SENANDE
Interior de la plaza de Abastos de Lugo. SEBAS SENANDE

PEPA compuxo cara de desculpa cando lle pedín tres boliños de pan. Tiña todos reservados. Eu experimentei as "emocións tristes" que enumeraba o filósofo Spinoza: "Rabia, odio, medo e vinganza"

Son o concelleiro de Mercados e Abastos na miña casa. As instrucións da muller eran precisas: tres bolos de Pepa e tres hamburguesas de Ángel. Cando saín pola porta asomara. "E non aparezas á hora de xantar, que o radio de acción para a compra é pequeno! Está todo en Recatelo". Non podía volver sen boliños. Preguntei noutra panadería dos Manso, en Bispo Aguirre. Quedábanlle tres. Ao pasar cara á carnicería de Ángel vin a Coté. Estaba secando un vaso de viño branco á sombra do bar de Rubén. Coté é delgado coma o cristo crucificado da catedral. A cazadora de coiro negro non parecía lavarlle o frío dos ósos. Un gorro gris cubríalle a cabeza. Do vaqueiro colgábanlle a cadea das chaves e a cadea do can, un cadelo da raza café con leite. Coté leva oito aneis azuis, un por cada gran río de Galicia. Tanto versionea a Miles Davis como interpreta sen vibrato a Bisbal. Pregúntome canta xente pode ter namorado coa súa hora das lentas.

O meu corazón quedou atado a unhas cantas rapazas nesa hora de bailar agarrado que nos consagraba o mestre Barrera na discoteca Rosalar. O malo é que remataba no momento en que empezabas a susurrar poemas de Aleixandre á rapaza. "Mis oídos escuchan al único amor que no muere". Ela miraba o reloxo. "Sinto. É a hora da Cincenta". Daquela partía o autobús que facía ruta para devolver todas aquelas princesas aos seus pazos na contorna de Ribadeo.

A orquestra na que traballa Carlos está parada. Ao despedirnos, agarroume polo brazo e díxome: "A maior crueldade que se pode cometer conta un home é cegarlle as expectativas".

Os oito aneis de Coté
Comentarios