Opinión

Álvaro Santos baixo cero

SUSO DURÁN cóntame que en Hawai autorízanche a vivir na praia. Tes que delimitar unha parcela chantando paos nun areal, conseguir que nos che movan os marcos e acaba sendo túa. De rapaz soñaba con viaxar ao Polo Norte. Se nunca fun é polo medo ter os pés fríos, pero agora hai unhas botas nórdicas que soportan cen graos baixo cero. Nin así cumprirei o meu soño. A curva da vida acaba inclinándose cara ao sedentarismo, á cercanía, á orde, á conversa medida.

Tiven unha fantasía. As miñas fantasías nunca son sexuais. Non creo na ‘erótica do poder’. Paréceme unha expresión ridícula e pouco realista. O poder ten máis parecido co crime que coa voluptuosidade. A fantasía foi electoral. Soñei que o 28 de maio votabamos 199.892 lucenses na provincia —como en 2019— e que se producía un empate exacto entre PP e PSOE na Deputación a 99.946 sufraxios. O mesmo proceso se daba no Concello de Lugo. Imaxinei que o voto que concedería o poder en ambas institucións correspondía a Álvaro Santos. O máis divertido era que el o sabía. Algunha estrana norma permitía que o concelleiro votase fóra de prazo. Santos, o Álvaro real, confesou o luns que tiña por decidir a quen votará nas eleccións. Desatou a miña ensoñación.

Gústame a viaxe ideolóxica que experimentou Santos, o seu arco vital parte da firmeza de facerse militante do PSOE en 2006 e foi inclinándose cara a un escepticismo de aire nihilista, cara a asentarse unha praia de Xamaica.

Estiven onte falando con Alejandro Pérez Batallón, que é un sabio. Eu deille unha resposta na que destacaba cualidades de Manuel Fraga. Non o teño por costume. Sorprendinme tanto que llo contei a un amigo con alto cargo na Xunta. El deume o diagnóstico: "O que che pasa, Jaure, é que es do PP e aínda non o sabes".

Comentarios