Opinión

Algunha casa de Galicia e outra en Italia

SARA MARCHOU para Bolonia, famosa pola salsa dos espaguetis e por Raffaella Carrá. Supoño que tamén ten universidade. A filla aseguroume que ía estudar un Erasmus e asegurouse de que lle pague o piso cada primeiro de mes. Leo historias sobre estudantes que chegan á cidade italiana coa idea de durmir na estación de tren ata atopar vivenda. A oferta de habitación individual caducou xa e os anuncios de habitación dobre escasean. Abriuse o mercado da cama a compartir. Son dormitorios sen sitio para botar un colchón no chan. Cotízanse a trescentos euros. Seica en Lugo os estudantes tamén teñen dificultades.

Sei por este periódico que Javier Vázquez, concelleiro en Lugo e sabandeño suplente, marcha para a Casa de Galicia como asesor cultural. Tocounos xuntos nunha cea. Ten unha virtude que me falta: a prudencia. Javier dicía: «Na miña humilde opinión» antes de expresala. Eu nacín en Bilbao e crieime en Ribadeo. A miña biografía impídeme ter nada humilde, nin sequera unha opinión. O director da embaixada galega en Madrid é Juan Serrano, exalcalde de Portomarín. Falamos unha vez de política. É sagaz. Non levaba eu tres frases encadeadas cando observou: «Vexo que non es dos nosos, pero que se pode falar contigo».

Pedro López invitoume a un café no Kennedy, en San Fernando. Paréceme un sitio máis para quedar cun deputado que cun arquitecto. Quere vivir fóra da cidade. Hai dous anos describiume a súa casa ideal: pedra grande, finca ampla, pozo armado. Atopouna en Outeiro de Rei hai uns días. Levou a muller para que lle dese o permiso de compra. Ela recoñeceu que era preciosa. «Pero non vou vivir no campo, Pedro». O meu amigo preguntou á muller por que deixou que buscase casa durante dous anos. Ela foi sincera: «Así tíñate entretido».

Comentarios