Opinión

O alguacil, o lazarillo e o buscón

JULIÁN ESTABA diante do portal. Vive nunha das rúas que se deixan caer ao río por baixo da avenida das Américas. A porta ten barrotes negros, coma nos cárceres nos que el traballou. Julián chegou a Lugo en 1986, dende León. Non pensa marchar.  Xa está empadronado en San Froilán, o campo sagrado onde acabaremos todos. "Fixen un seguro de decesos de tanto que me gusta Lugo", reveloume. Estaba triste polo rapaz, o teléfono son 170 euros, "pero ese cativo vale máis". Julián cre no ser humano, en que a vida o malea, en que hai que compadecer o criminal. "Hai uns fitos na carreira dun delincuente e se empezas tan cedo vas acabar mal porque son cartos fáciles, gañados en dous minutos e unha carreira". Un menor, que tería 15 anos, pediulle o teléfono para chamar á nai e marchou con el. Julián viu entrar moitos tironeiros de 18 anos no cárcere. Fíxolle fichas e vixiounos.

Coñecín o meu amigo porque foi alumno nun curso de literatura. Cando o vexo el dáme clases sobre alguacís, lazarillos e buscóns. Leu todos os clásicos españois. Dende que se xubilou anda nas carreiras. Non quixo botarlle unha ao crío que lle pediu o móbil e saíu correndo. Corpo non lle falta; ten 62 anos, pero o corpo asístelle. Pérdeo a bondade de ter lido a Quevedo. "O que me fastidia é que non rouba para el, senón para outro maior de idade», díxome. Sabe o nome do xefe da banda. Ben o coñezo. Julián ten varias carreiras. Dereito, Socioloxía e algo de Patrimonio que non lembro agora como se chama. Cóntame que puxo denuncia e que a ampliou porque quere que deteñan o neno ladrón e lle curten a carreira polo lado escuro. "Se se dese conta do seu erro e cando menos estudase un ciclo de frío...". Comprará outro móbil. Despídese agarrando un dos barrotes negros para empuxar a porta.

Comentarios