martes. 26.10.2021 |
El tiempo
martes. 26.10.2021
El tiempo

Un aeroporto coruñés

A miña muller botou contas: os dous fillos estaban en Lugo polo San Froilán, pero nin almorzamos nin xantamos nin ceamos xuntos. Dispuxo que fósemos os catro ao aeroporto da Coruña no día do Pilar. Sara regresaba a Bilbao.

Buscamos un restaurante en Culleredo. Comer en Casa Manolo foi a miña experiencia máis cercana a participar nun desfile militar. Mesmo eu, que son enxeñeiro no pasmar, deime présa en sentarme. "Tortilla e ensalada, raxo e patacas fritidas. 35 euros polos catro. Grazas por vir, señores. Boa tarde".

Felipe VI quitou a vaixela das festas polo día da patroa. Tendeu un mantel branco de liño na Castellana. Cazas e tanques, zapadores e lexionarios.

Unha noite dos anos 80, na pensión estudiantil de Santiago, Miguel apareceu cunha pistoliña negra das guerras carlistas. Fomos ao cemiterio de Bonaval homenaxear a Valle Inclán. Xaquín estudaba Filoloxía, admiraba a Darío Villanueva. Leu un fragmento de Divinas palabras. Miguel, xente brava do Xallas, propuxo disparar unha salva. Eu tiña medo. Pensaba en que Valle se meteu un tiro errado nun pé. Tardou tres meses en volver andar. Escribiu Sonata de otoño. Supuxen que se me disparaba no pé escribiría con esa calidade. Compostela estaba en silencio escuro. Miguel fixo estalar o ceo. Unha patrulla da Local apareceu na entrada. Eu nunca saltara unha tapia tan alta.

Gústame o contraste que se vive cada 12 de outubro na Castellana. A importancia dos avións e o paracaidista colgado da farola, a presunción do desfile aéreo e o fume republicano no ceo.

Os coruñeses converteron un aeroporto pequeno e innecesario nun salón cuqui para facer a viaxe da túa vida: Barcelona, Bilbao ou Madrid. Eles lograrían que tomase en serio o sonoro baleiro da monarquía.

Un aeroporto coruñés
Comentarios