Opinión

A señora e o pintor

Miguel Tellado fala veloz, como transido de café. Coloca un verbo nervioso e engade un adxectivo vibrante. Josep Pla aconsellaba liar un cigarro antes de cada epíteto. Ao secretario xeral do PP tocoulle pedalear e patear no tándem popular galego. Non perde o ritmo.

Houbo un día do 2020 en que Tellado estivo tranquilo. Presentaba a campaña do Partido Popular das autonómicas aos responsables locais da formación. Trazoulles as cinco liñas argumentais: "Imos facer o de sempre". Esas cinco palabras eran como os dez mandamentos, que se resumen nun: Galicia.

Xabier Campos e Rubén Cela saben que o Maio do 68 triunfou arrincado pedras nas rúas de París e fracasou escribindo ensaios pesadísimos. O Bloque fixo eco ao Partido Popular. No medio da empanada quente atraparon a Gonzalo Caballero, o candidato durminte do socialismo.

Iago Eireos, o pintor e irmán famoso de Jacobo, contoume no soño desta noite que unha señora o parara na Milagrosa. Ela serviu en Suíza a un artista "elegante e educado que vivía de pintar trapalladas". A Oscar Kokoscha gustáballe pintar burros. Lembráballe a cando montara os seus óleos sobre un asno para escapar dos nazis.

O socialismo galego tropezou dúas veces na mesma pedra: presentou a Paco Vázquez e a Abel Caballero como candidatos á Xunta. Serían fraustistas de Hamelín nas cidades autónomas da Coruña e Vigo. Ayuso é unha candidata resoluta nesa alcaldía de Madrid que ocupa nominalmente Almeida.

Un cadro de Kokoscha véndese agora por 3 millóns de euros, pero soamente os pagan señores con aneis blasonados. Os electores compran acuarelas da Praza do Campo. O político non lle pode pedir ao votante que entenda de política, debe ser o politico quen entenda de votantes.

Comentarios