Opinión

A roca do Fluvial

CADA MAÑÁ busco noticias sobre a monarquía. Fascínanme. A Casa Real empuxa a roca de Sísifo ata o alto do monte e o Emérito lanza a roca cara a abaixo.

El Confidencial Digital conta que "la princesa Leonor y la infanta Sofía usan envases reutilizables en el desayuno". Foi lelo e empezar a fregar a taza de Sargadelos do almorzo en vez de tirala ao lixo como facía a diario.

Cruzaba onte pola Praza Maior de Lugo cando vin que levaban unha bandexa con cafés á casa consistorial. Hai regreso vacacional. Os populares e os nacionalistas cafetean nas terrazas de Campo Castelo. Os vasos de plástico non son para eles.

Lara Méndez debería rachar cos socios nesa media hora na que se relaxan. Pedro Sánchez desfíxose dunha chea de ministros para non reutilizalos. A análise máis precisa foi a do exministro Margallo. Finísimo: "Tienen que morir muchos caballos para que triunfe Curro Jiménez". A estrea puxo nervioso a Casado. Di que Sánchez nomea "ministros a dedo". Se gobernase el convocaría un concurso-oposición entre os policías para o Ministerio do Interior.

Lara Méndez sabe en que anda Rubén Arroxo cada minuto, analiza datos, valora as consecuencias, reutiliza concelleiros. Canto máis tarde en petar na mesa do despacho máis perderá. Teme que se lle volva paralizar o Concello. O Bloque ten o problema de manter o ritmo de inauguracións ata 2023. Ser expulsado do poder  daríalles a excusa.

José Antonio Quiroga meteu nun problema o Club Fluvial. A alcaldesa nada ten que ver co requerimento da Confederación Hidrográfica para que se desmonten a piscina infantil e os peches, pero milleiros de lucenses son socios.Votan nas municipais. Quiroga, como bo socialista galego, corre en asfixia dos seus. É caballerista. O Miño pasa en Lugo por Besteiro.

Comentarios