Opinión

A menos 29 graos

Estabamos na casa. Habiamos de ir comprar. Eu resistíame. Pensei na frase de Thomas Hobbes: "Homo fame futura famelicus". Traduzo: "Somos escravos da necesidade de ir os sábados ao hipermercado". Hobbes foi un filósofo inglés do século XVI. Non pensei a frase en latín, claro. Era por impresionalos.

No aparcadoiro do Carrefour había un guiri con tenis laranxas e gafas de químico. Resultou ser Marcos Sánchez. Vinte anos sen vernos. Teño estado na súa casa de Londres. Tratei de contarlle que o meu fillo vive ao sur da fronteira de Canadá, onde están a menos 29 graos. Serviríame para ser protagonista. Non dei. Explicoume que é profesor na Ramón Falcón. Falamos un cacho e démonos os teléfonos. Despedín a Marcos. Logo atopei a Delio Dobao. Vai mellorando das cordas vocais. Para cando fun buscar á miña muller, ela regresaba coa compra.

Honorio e Xermán Refojo saían do Mercadona. Tiven presente contarlles que o meu fillo padecía menos 29 graos. Iso impacta. Pero o tempo fóisenos montado nun cabalo árabe sen que llelo dese explicado. A compra? Quedara resolta sen min.

Os hipermercados son o Leviatán, o monstro bíblico dos océanos. Thomas Hobbes pensaba que a vida é "solitaria, pobre, desagradable, brutal e curta". A súa nai estaba embazarada en 1588. Inglaterra vivía amedrentada pola ameaza dunha invasión da Armada Invencible. Adiantóuselle o parto. "Son irmán xemelgo do Medo", lamentaba Hobbes. Defendía que o Estado debía ser forte. Para explicalo usou a metáfora do Leviatán: o Goberno é un animal poderoso que impón autoridade na selva da vida. Non me gusta ir aos hipermercados: son aparatosos, desmesurados e teñen un exceso de cousas. Gústame deles que atopo amigos que me libran de entrar.

Comentarios