Opinión

A acidez da froita

O DÍA DA Marmota é determinante na miña casa. Decidimos se vai ser definitivamente un inverno de clementinas ou imos pasarnos ás mandarinas. A decisión comeza o Día da Candeloria porque se "a candeloria chora medio inverno vai fóra". O tempo pode influír na acidez da froita que prefiramos. Así que saín comprar un quilogramo de clementinas e outro de mandarinas para dedicar o resto da semana a tomar unha decisión. Non somos nada orixinais. O procedemento era o mesmo que aplicaba Alessandro di Lorenzo de Medici, duque da República de Florencia, cando un barco procedente das costas chinesas arribaba ao porto de Livorno. Mandaba que lle levasen ao palacio un saco de cada froita para facerlles a proba.

Mentres almorzaba estivera vendo en Tik Tok un directo duns rusos que se dedican a atravesar uns camiños lamacentos nos que asolagan todoterreos. Pareceume que podía promoverse unha actividade semellante na Tolda, pero despois lin que Lara Méndez anunciou un paso seco para os afeccionados que atravesan por baixo da Nacional para ir ver o Lugo.

A luz da mañá era sucia e chovía con bastante ánimo, pero aínda así collín o carro da compra para ir á Praza de Abastos. O vento cuspíame nas mans. Ao pasar por diante do cuartel da Garda Civil atopei traballando un empregado de Florentino. Desatascaba o sumidorio.

De regreso, pasei comprar o pan en Recatelo. Atopei a Miguel Olarte, xornalista deste ducado. Estaba tomando un café. Saudeino coma sempre: "Saúde e república, Miguel!". A república deséxolla para compartila e a saúde para que a coide. A última vez que o visitei nun hospital leveille os meus mellores títulos de novela negra norteamericana. Nunca mos devolveu. Teño aprecio ás miñas novelas de George Simenon.

Comentarios