Opinión

Os zapatos de Manuel Jabois

Manuel  Jabois publicou unha novela. Todos sabemos que Jabois vén de editar Miss Marte. 

No Instagram almorzan co libro, lévano ao monte, subliñan parágrafos inspirados, recoméndano aos curmáns da Fonsagrada,... Prendes a radio e soa Jabois. Abres un xornal e emerxe Jabois.

Manuel Jabois traballaba no Diario de Pontevedra. Daquela escribira unha obra que se chamaba Irse a Madrid porque en Pontevedra había señores con abrigo longo e bigote que concebían triunfar como marchar a Madrid e asinar nun periódico. Esa proposta parece quitada dun argumentario da postguerra, que foi unha glaciación á que sobreviviron sarxentos e estraperlistas. O triunfo para min é ver a túa cara nunha moeda de curso legal. Manuel marchou a Madrid co seu talento e triunfou con rotundidade. Os señores do abrigo tiñan a súa razón.

Moitas persoas confunden o éxito literario e o éxito puro. O éxito literario é un éxito menor, de medalla de mérito ao traballo, de botar meses escribindo e de preguntar polos netos ás señoras que acuden á sinatura da túa obra. Con iso soamente podes aspirar a figurar na folla excel dos libros máis vendidos no Corte Inglés. Pero o éxito absoluto dun escritor consiste en que publique un libro e a sociedade volva cara a el co seu rostro feito de miles de pequenas fotografías tamaño carnet.

O triunfo  de Jabois alégrame. É un pracer sintonizar unha emisora e escoitar alguén que acerta cos sinónimos. Encántame ler nun xornal alguén co mesmo sentido da frase que ten Abe Rábade no piano.

Cando marchou pensei que fracasaría. Parecíame improbable que triunfasde nunha cidade que non podes percorrer andando dun extremo a outro en dúas horas, nunha cidade que non podes ter baixo os zapatos.

Comentarios