Opinión

Uns calcetíns sobre outros

Non son paciente para as gripes. Ando todo o inverno con menos roupa da necesaria. Cando vén o frío todos nos decatamos de un par de calcetíns para cubrir outros tampouco estaban de máis. Os políticos están convencidos de que cobran menos do que merecen. Defendo o seu labor como necesario, pero discrepo en que nunca chegue a estar ben pagado.

Este ano vacineime da gripe por vez primeira. Foi unha precaución por se a pandemia me queimaba os pulmóns. As enfermedades sempre nos están de sobra. Hai un personaxe de Proust que vai a unha festa. Ao saír da mansión, un criado comunícalle a morte dun familiar. O nobre enfada: "Que mal gusto ten vostede, Jacques! Anunciarme a morte cando regrese do baile".

Ameijide avisou de que subir un 2 por cento o soldo dos concelleiros de Lugo estaba feo. Paula Alvarellos, que escribe o libro de contabilidade do Concello, contestou que tarde piaches, Antonio. Ameijide tardou unha semana en ter un gromo de ética; pero demostrou unha cousa boa: le a Miguel Olarte. O meu colega falara de que a compra dun coche para a alcaldía provocara un incendio que prenderan os populares, pero que cando se votou o incremento salarial para os edís ningún abriu a camisa. Certo que Lara Méndez podía renunciar ao coche oficial e desprazarse en taxi. Daría un alivio aos chóferes da cidade. Daquela pensei que o asunto salarial fóra vítima da mala acústica que teñen os plenos telemáticos, pero subiron as taxas ás terrazas. En algo hai que gastar ese remanente.

As gripes, os incendios e o populismo convocan atención. Se se conxelan o soldo, os concelleiros poderían ser acusados de tomar decisións por estética. Ben saben que a atención aos enfermos, os lumes e ás medidas éticas duran pouco.

Comentarios